Manexo clínico do coello doméstico

J.M. Chapel

Introdución

O coello doméstico provén do coello Europeo (Oryctolagus cuniculus), que se estendeu dende a Península Ibérica cara o resto do continente e que debido á súa gran fertilidade e rápido crecemento axiña foi empregado como animal de produción, e xa posteriormente, na experimentación animal ou como mascota. Previamente á manipulación e exame do paciente é necesario coñecer o seu comportamento normal e como se debe realizar unha correcta suxeición.

Manipulación básica

Como diciamos para levar a cabo a exploración xeral do coello é necesario coñecer unha serie de métodos de suxeición que nos permitan realizala dunha forma cómoda e segura tanto para nós como para o animal. Por exemplo, nunca se deben coller só polas orellas xa que lles produce dano [1]. O primeiro é saber como sacalo da gaiola, para o cal collerémolo pola pel da cruz e en canto sexa posible coa outra man suxeitaremos os membros traseiros a nivel das bestras, así evitamos que poda facer movementos bruscos que lle provoquen lesións [2]. Unha vez suxeito podemos pousalo nunha superficie non escorregadiza ou se queremos transportalo, colleriámolo no regazo permitindo que meta a testa entre o noso brazo e torso para que se sinta máis seguro [2-5]. En animais grandes ou dóciles que queiramos facer unha exploración abdominal podemos suxeitalos por debaixo do tórax e polos membros traseiros apoiándoo contra o noso corpo ou no caso de que estivésemos sós deixaríamos que apoiase os tarsos nunha mesa para ter unha man libre e proceder á exploración [2-4].

 

Unha vez que o temos na mesa de exploración podemos termalo suxeitándoo pola pel da cruz e os membros posteriores [6] ou axudarnos dunha toalla para envolvelo [2-4] (técnica “bunny burrito”) e así poder administrar un medicamento por vía oral ou facer unha exploración xeral da cabeza sen que o animal se mova.

En ocasións pode ser interesante empregar dúas técnicas que crean un estado de “hipnose” ou inmobilidade tónica, aínda que os seus efectos son moi variables segundo o comportamento do coello e está totalmente prohibida en pacientes con compromiso respiratorio [6]. A primeira descrita por Ward [7] consiste en colocar ao coello en decúbito dorsal apoiándoo nunha mesa, flexionando a súa cabeza contra o torso e contraendo as súas extremidades posteriores. E iremos deixando que se vaia estendendo a medida que se vai “hipnotizando”. Na outra técnica [6] colócase ao coello en decúbito dorsal nos nosos brazos coa cabeza máis baixa có corpo e esperamos de 3 a 5 minutos. Non se deben levar a cabo procesos dolorosos durante a hipnose xa que non existe un estado de analxesia suficiente e o animal sinte a dor [3,4,6]. Ademais existe controversia do posible estrés que pode causar ao animal esta técnica [1], pero si que pode ser útil nos casos de procesos breves como rasurar ao coello ou cortarlle as unllas [1,6] e incluso, en ecografías/radiografías abdominais nas que se quere evitar ter que anestesiar ao animal. Segundo a miña experiencia a técnica de Ward é menos estresante ao ter a testa e torso algo elevados o que non lle dificulta a respiración. Algúns clínicos consideran que usar esta técnica máis de 30 minutos seguidos pode xerar unha parada gastrointestinal.

No caso de cazapos, débense coller cunha man a nivel ventral xa que a súa pel é moi fina e non soportaría o seu propio peso chegándose a causar esgazaduras se o collemos pola pel [5].

 

Como podemos observar existen diversas técnicas que nos poden axudar a manexar un coello, tamén cómpre nas súas primeiras visitas, deixar un tempo de contacto ao coello co lugar de traballo e con nós. Ademais temos que coñecer os signos de medo e estrés [1] para adecuar as técnicas a cada paciente.

 

Bibliografía:

 1. Varga, M (2014). Textbook of rabbit medicine. Londres, 2ªed. Elsevier.

2. Jiménez, J; Domingo Ollé, R; Crosta, L; Martínez-Silvestre, A (2009). Manual clínico de animales exóticos. Barcelona, Multimédica Ediciones Veterinarias.

3. Brotóns, NJ; Pérez, CC (2003). Manejo y alimentación de conejos mantenidos como mascotas. Canis et felis, 65: 29-46.

4. Meredith, A; Flecknell, P (2006). Manual of rabbit medicine and surgery. Gloucester, 2ª ed. BSAVA (British Small Animal Veterinary Asociation).

5. Mettler, M (1996). El Nuevo libro del conejo enano. Girona, Tikal.

6. Malley, D (2007). Safe handling and restraint of pet rabbits. In Practice, 29: 378-386.

 

7. Ward, ML (2006). Physical examination and clinical techniques. En: Manual of rabbit medicine and surgery. Gloucester: 2ª ed. BSAVA (British Small Animal Veterinary Asociation), pp: 18-36.